CAST | GAL

VOZ NATURA EN ACCIÓN

Actividades   |   Voz Natura en acción

 

Charlas educativas da Garda Civil para protexer a natureza


Sabías que os grandes incendios afectan o cultivo de mexillóns? Ou que o lixo orgánico non se pode tirar de calquera xeito? Estas e outras moitas dúbidas resólvense nas charlas organizadas por Voz Natura e a Garda Civil, nas que poden participar os 375 colexios e institutos que participan no programa e que pretenden concienciar a nenos e mozos sobre a necesidade de coidar a natureza.

Os centros educativos que o desexen poden solicitar á Garda Civil que lles visite para falar cos alumnos sobre como protexer a natureza, como previr os incendios e, en xeral, explicarlles o labor que levan a cabo. Só teñen que descargar na web este FORMULARIO, completalo e envialo á dirección de correo electrónico indicada no propio documento (distinta en función da provincia na que se atope o centro).


Unha vez recibida a solicitude, a Garda Civil poñerase en contacto con cada centro para confirmarlles a súa visita. As charlas teñen unha duración aproximada dunha hora e realizaranse ao longo de todo o curso escolar, adaptadas ás distintas idades e niveis educativos: infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou educación especial.

Pero de que se fala nestas charlas? «Pois falamos do respecto pola natureza e a función que ten a natureza na vida do home -explica Fernando Villar, garda civil-. Que entendan que todos somos parte da natureza e que se non a coidamos a vida non vale de nada, a pesar de que haxa moita tecnoloxía». A idea que se transmite é que o que nós facemos é importante para coidar o planeta. «O ser humano inflúe, coas súas boas e malas accións, e cun xesto todos os días podemos protexela: reciclando, non  ensuciando cando imos dar un paseo polo campo... A concienciación individual é a que fai as melloras colectivas».

Outro dos temas dos que falan son os incendios forestais, «a peor secuela que temos en Galicia». Os nenos aprenden o que se tarda en recuperar a natureza, e que tamén é importante o que non se ve, «porque unha parte importante da Terra é auga e calquera cousa que tiremos, aínda que a tiremos lonxe, pode acabar no mar».Tamén lles explican os efectos que pode ter sobre a economía, e como «se queimas o monte podes destruír o medio de vida dunha poboación que se dedica á madeira, por exemplo, ou mesmo os mexillóns, por que a cinza destrúe o seu ecosistema e provócase unha cadea na que a xente que traballa ou vive diso verase afectada».

Con esta iniciativa preténdese plantar a semente do coidado do planeta a través da concienciación. E funciona. «Cos nenos logras un efecto cachoeira, se consegues conciencialos a eles logras influír na súa contorna».