CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O comité científico de Voz Natura ponse ao servizo dos colexios


O comité científico de Voz Natura ponse ao servizo dos colexios que participan no programa ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre durante o curso para supervisar a evolución de cada actividade, asesorar e resolver as dúbidas ou problemas que poidan xurdir polo camiño.

A primeira rolda das dúas que fai ao ano por cada centro para coñecer en persoa os seus proxectos xa percorreu a provincia enteira de Ourense e a maior parte de Lugo. «Vimos cousas moi interesantes e estamos a comprobar que o tema central deste ano, a etnografía, está a dar pé a novas iniciativas», indica o portavoz do comité científico de Voz Natura, Alejandro Díaz Sueiro. «Animou ao coñecemento do patrimonio cultural da contorna dos colexios e desde os centros están a involucrar ás familias, concellos, asociacións e mesmo aos maiores, que son testemuñas directas do pasado, para facer distintas rutas. Planearon limpezas de cruceiros, de pontes e de lavadoiros ou recuperar os antigos lugares de reunión», continúa este experto ambientalista, quen explica que á marxe das actividades inspiradas no tema central desta edición, tamén hai unha continuidade de moitas actividades que xa viñan realizando de anos anteriores. 

Tras esta primeira toma de contacto cos centros, que se estenderá ata finais de novembro ou decembro, entre febreiro e abril o comité científico emprenderá unha segunda rolda para coñecer como foron os proxectos e en comprobar os seus resultados. E é que, entre os seus labores, tamén está o de estudar as memorias finais nas que os participantes explican as súas actuacións e o de outorgar os premios aos centros gañadores cada edición. 

Todo o proceso pode seguirse a través desta web, na sección O Reporteiro, ademais de coñecer máis de preto ás persoas que compoñen o Comité Científico