CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura e a Garda Civil se alían na loita ambiental


Voz Natura e a Garda Civil son aliados na loita ambiental e, pensando en concienciar aos cidadáns do futuro, colaboran para implicar aos escolares galegos nesta misión. Deste xeito, por sétimo ano, un grupo de axentes do corpo nacional de seguridade pública percorrerá os centros educativos en busca de novos afiliados á causa. 

Persoal da Garda Civil, formado especificamente para impartir este tipo de charlas, desprazarase ata os colexios e institutos que así o soliciten, para falar aos alumnos sobre o labor que levan a cabo desde o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e da necesidade de respectar e consentir a contorna que os rodea. As charlas, adaptadas ás distintas idades e niveis educativos, abordarán as consecuencias dos incendios forestais, das verteduras e outros atentados ecolóxicos, á vez que nelas ofreceranse consellos prácticos para tratar de previlos e resolveranse as dúbidas e curiosidades que poidan xurdir sobre o coidado ambiental. 

Os centros que participan este ano no programa Voz Natura poden solicitar unha destas charlas de forma totalmente gratuíta cubrindo un formulario na sección Voz Natura en acción. Unha vez cumprido este trámite, a Garda Civil poñerase en contacto cos colexios ou institutos para confirmar as visitas, que terán unha duración aproximada dunha hora e que se realizarán ao longo de todo o curso escolar.

Na última edición de Voz Natura, estas charlas ambientais chegaron a 81 centros do territorio autonómico e a 6.749 alumnos que, por un día, aparcaron os libros para aprender unha lección de vida que, con sorte, fará deles uns cidadáns mellores. As charlas están enmarcadas no plan director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, o cal engloba distintos tipos de actividades sobre prevención nas aulas nas que participan tanto representantes da Garda Civil como da Policía Nacional.