CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura impulsa un curso de divulgación de proxectos medioambientais


Deseñar un bo proxecto ambiental e darlle o eco que se merece non está ao alcance de calquera. Por iso, Voz Natura impulsa un novo curso, dirixido aos 3.400 profesores inscritos nesta edición do programa, co que pretende expoñer as claves e ferramentas necesarias para desenvolver e divulgar as iniciativas que con tanta ilusión desenvolven os centros, así como ensinar exemplos e pautas para a elaboración da memoria final.

Esta iniciativa, gratuíta e homologable pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se impartirá os días 15, 16, 22 e 23 de novembro en Vigo, terá unha duración total de dez horas e unha orientación eminentemente práctica e participativa, con exemplos e modelos reais aplicables aos propios centros, desde a elaboración dun cronograma a tácticas para implicar e motivar aos alumnos. Deste xeito, os asistentes poderán achegarse durante catro xornadas ás ferramentas que existen para planificar actividades e recursos ou traballos nas redes sociais e na comunidade educativa.

O seminario celebrarase, entre as seis e media e as nove da noite nas instalacións da Rede de Aulas Cemit en Vigo (no número 1 da rúa O Porto), grazas á colaboración do departamento de Participación Cidadá do Concello de Vigo. 

O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados en participar deben anotarse a través de voznatura@lavoz.es, achegando os seus datos persoais (nome e apelidos, DNI, correo electrónico de contacto e teléfono) e o centro educativo ao que representan, dos 350 implicados en Voz Natura esta edición. O número de prazas é limitado e existe unha capacidade máxima para 25 persoas.

A encargada de impartir o curso de desenvolvemento e divulgación de proxectos ambientais de Voz Natura é Susana Vázquez, educadora e doutora en Didáctica das Ciencias pola USC. Formadora de profesores e coordinadora dos blogues do programa Voz Natura, participou en multitude de congresos, tanto nacionais como internacionais, en calidade de relatora e publicou en distintas revistas de pedagoxía.

Máis información sobre o curso.