CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O comité científico de Voz Natura xa está en ruta polos colexios


O comité científico de Voz Natura xa está na estrada para coñecer os 360 proxectos que levarán a cabo os centros educativos e asociacións participantes na 22.ª edición do programa ambiental da Voz, desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

O obxectivo destas visitas é que o comité resolva e asesore aos centros sobre as dúbidas que lles xurdan durante a realización dos seus proxectos e coñecer in situ o traballo desenvolto por eles.

As visitas comezaron o 17 de setembro en Lugo e finalizarán en decembro na Coruña. Renovaranse á volta de Nadal, ata maio, polo que cada centro recibirá dúas visitas ao longo do curso.   

Temática dos  proxectos
Esta edición está dedicada á preservación e coidado dos montes, polo que moitos centros realizarán reforestacións con árbores autóctonas. «Hai uns días cumpriuse un ano dos incendios que arrasaron Galicia e iso os centros ségueno tendo moi en mente», comenta o portavoz do comité científico, Alejandro Díaz Sueiro.

Pero non todos os proxectos están centrados nesta temática. É o caso da Asociación  Sustinea, de Ourense, cuxo proxecto Corredor verde de insectos conseguiu reunir a sete novos colexios participantes en Voz Natura, para construír unha autoestrada verde de flores que axude aos insectos para transportar o pole pola cidade. «Este proxecto reúne todas as calidades que buscamos neste programa: é colaborativo, orixinal e preocúpase por un tema fundamental como é a perda de biodiversidade», indica Díaz Sueiro. #FaiGaliciaVerde.