CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Obxectivo: praias limpas para o verán


Achégase o verán, e os alumnos dos colexios que integran o proxecto Voz Natura poñen o seu granito de area para que as praias estean máis limpas que nunca. Conscientes da importancia do coidado do medio ambiente, no CEIP de Palmeira (Ribeira), puxeron en marcha este curso o proxecto Crebeiros, praieiros e beachcombeiros.

O seu obxectivo principal é ambiental: limpar praias; pero tamén engadiron outro máis creativo: facer esculturas cos residuos recolleitos. E completaron a actividade cun toque solidario, a través dunha tómbola na que para conseguir unha escultura había que entregar unha peza de roupa de segunda man ou comida para doar a unha ONG.

No CPR Nosa Señora do Carmen (Fisterra) limpan as praias un par de veces ao ano desde fai máis dunha década. Ademais, este ano acudirán á praia de Mar de Fóra facendo sendeirismo, unha actividade que destaca pola súa intención de mesturar a acción directa coa concienciación dos alumnos e, sobre todo, a actividade física. En palabras da súa coordinadora Julia Insua: «Detectamos moito sedentarismo nos nosos mozos e queremos que aprendan non só a coidar se non tamén a gozar da natureza a través de actividades deportivas».

Tamén se poñerán en marcha os nenos do CEIP O Areal (Camariñas), que realizarán unha camiñada ata a praia de Lingunde para facer unha limpeza aproveitando o día do Medio Ambiente. O colexio enteiro apúntase e repítena todos os anos.

Pero non é só cuestión de limpar. Nalgunhas zonas tamén é importante a reforestación, como é o caso da contorna de Baroña, un lugar de especial sensibilidade etnográfica, que o ano pasado sufriu un incendio forestal. Os alumnos do CEIP de Campanario (Baroña-Porto do Son) queren protexer as súas praias e o seu patrimonio así como revitalizar a zona con novas árbores. Iso sen deixar de coidar e limpar as súas praias, como é o caso de Arnela e Arealonga.

Unha parte importante da limpeza é a clasificación dos residuos recolleitos. Iso sábeno ben os mozos do CEIP Celso Currás de Trabada, en Lugo. Desprázanse a praias próximas para realizar limpezas e despois procesan o lixo. O plástico é o gran inimigo dos peixes e as aves mariñas, por iso os alumnos do CEIP O Cantel (Foz) recólleno; e os do CEIP Santa Rita (Galdo), participan na limpeza das praias de Covas e Area e complétana con charlas e actividades orientadas a concienciar no uso de alternativas aos plásticos.

A reciclaxe e os seus pasos previos: análise e separación dos residuos para eliminar, son un traballo duro e iso sábeno no colexio Vigo, de Redondela. Eles trasladan todos os residuos perfectamente separados aos contedores do Concello de Redondela.

Este labor solidario co medio ambiente exércena tamén noutros centros como o Fondo Nois (Foz), o San Miguel (Reinante), o CPR Compañía de María (Vigo), ou o CEIP Plurilingüe  As Solainas (A Guarda). En todos eles foméntase o respecto pola natureza da forma máis práctica posible: implicando aos alumnos no contacto directo co patrimonio natural e o seu coidado. #FaiGaliciaVerde.