CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Comeza o curso Voz Natura en 375 centros educativos de Galicia


Coa incorporación hoxe ás aulas dos alumnos de Secundaria e Bacharelato xa está ao completo o equipo Voz Natura 2019-2020. Son miles de alumnos distribuídos nas catro provincias e en todos os niveis educativos, excepto o universitario. A gran maioría deles están capitaneados por docentes que asumen a coordinación dos proxectos ambientais. Noutros casos son as asociacións de nais e pais as que toman a iniciativa ou, tamén, as asociacións de carácter ambiental. Todos contan co apoio da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

De calquera modo, o obxectivo é o mesmo: desenvolver ao longo do curso un proxecto de protección e recuperación ambiental combinando, na medida do posible, accións directas na contorna con actividades de concienciación.

 A prevención dos incendios forestais, a recuperación de espazos degradados, a limpeza de praias e ríos ou a creación de hortos e xardíns son temas recorrentes. A estes, sumaranse nesta 23.ª edición os traballos para erradicar os plásticos dos ecosistemas. Nenos e mozos concienciaranse da necesidade de reducir o consumo de plásticos dun só uso buscando alternativas máis sustentables. Traballarán, ademais, na retirada de plásticos dos ecosistemas, desde os ríos e as praias ata os montes.

O programa conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces e o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.