CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Colexios que se estrean ou que volven: proxectos que reverdecen Voz Natura


Nunca é tarde para sumarse á familia de Voz Natura. Neste curso hai decenas de centros educativos galegos que se sumaron por primeira vez a esta iniciativa e outros que regresaron despois dunha paréntese. A continuación, algúns deles e os seus proxectos.

CEIP A Sangriña da Guarda. Os escolares deste colexio, animados pola gran participación en Voz Natura doutros centros do Concello da Guarda, comezaron a súa andaina cun completo proxecto de carácter multidisciplinar que inclúe talleres de reciclaxe, creación do seu propio compost, un horto no que participan as familias e ata un viveiro de árbores plantadas sobre zapatillas vellas. A gran sintonía entre centros do mesmo concello é única e especial, como se pode ver na marcha verde polo clima ou nas reforestacións coa Comunidade de Montes de Camposancos nas que practicamente todos os centros participan. 

CPR Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra. Un centro que desenvolve un proxecto ambiental multidisciplinar no que separan residuos, reciclan, participan na reforestación dun dos montes queimados de Pontecaldelas, etc. Tamén puxeron en marcha outra iniciativa, á que a maioría dos centros Voz Natura están a apuntarse, que é a de acabar coas botellas de plástico e pasarse ás botellas reutilizables. Son estes pequenos xestos os que marcan a diferenza. É necesario ser conscientes de que esta iniciativa multiplicada por 375 centros educativos e asociacións nos que participan 77.000 nenos e mozos galegos, é moi potente. 

CEIP Amaro Refojo de Verín. Un centro que serve de exemplo de aproveitamento de espazos nunha contorna urbana para cultivar en diferentes  bancales. Un horto urbano único soubo dar unha nova vida ata aos contedores verdes para residuos orgánicos que xa non usaba o  Concello de Verín. Agora son o recipiente do seu cultivo de amorodos e deron uns resultados espectaculares.

IES Adormideras da Coruña. Non sempre é fácil introducir un proxecto ambiental nun Instituto pero desde o IES  Adormideras queren transformar o seu espazo exterior e crear un patio máis inclusivo: plantarán céspede e árbores, plantas aromáticas e recuperarán un espazo degradado para que os alumnos poidan gozar del (non todo vai ser fútbol). 

CEIP de Marcón de Pontevedra. Cabe destacar a colaboración das familias na creación de caixas niño para paxaros, a creación dun hotel de insectos e un  grandísimo horto para que todos os alumnos do centro poidan participar na plantación.