CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Nadal sustentable


Os centros que participan en Voz Natura e os seus pequenos activistas ambientais realizan, estes días, distintas campañas de concienciación para celebrar as festas dunha maneira máis sustentable, solidaria e ecolóxica. Fomentan a reutilización de residuos como botellas e teas para realizar adornos do Nadal, cortizas de viño para os personaxes do belén, cápsulas de café para as  campanitas e  palés para convertelos en  armazón das súas árbores de Nadal. Tamén usan elementos da natureza para decorar o cole e as súas casas, como plantas, árbores dos seus xardíns, ramas secas e piñas. Ademais, activan campañas, tanto nos propios centros como coas familias, para fomentar o consumo sustentable, a compra de produtos de proximidade, a redución do desperdicio alimentario e do consumo de plástico, a utilización do transporte público, e a recollida de tapóns, comida e xoguetes con fins solidarios. Estes son algúns exemplos: 

CEIP de  Figueiroa (A Estrada). Os escolares comezarán este Nadal coa súa campaña  Desplastifícate!, unha iniciativa que chegará á comunidade educativa a través dun tríptico con información sobre o ciclo de vida dos plásticos, os seus diferentes tipos, ideas para substituílos e consellos para reducir a contaminación a través dun consumo responsable e a correcta separación dos residuos entre outras ideas.

CEIP Ramón de Valenzuela (A Bandeira, Silleda). Este ano a decoración do Nadal vén da man da reciclaxe de todo tipo de produtos plásticos, teas...

CPR Divina Pastora de Ourense. Os alumnos están a ultimar unha  megaconstrucción dun belén xigante realizado con  tetrabriks e distintas campañas de concienciación. 

Árbores de Nadal especiais: O CEIP de Cespón (Boiro) coa súa árbore de botellas de plástico, o CEIP  Portofaro de Culleredo reutilizando follas de papel ou o CEIP Pío  XII de Santiago cunha árbore feita con  carretes de fío de coser foron algúns dos moitos centros que se suman a esta iniciativa ecolóxica e que fomenta a creatividade nos alumnos a través da arte.

Tamén se desenvolven talleres de cociña e creación de xoguetes promovendo a reciclaxe e a redución do consumo nestas datas que realiza a Asociación  Sustinea (Ourense), en colaboración co  Concello de Viana do Bolo, e a terceira edición do seu proxecto solidario a  Sustimaleta, en colaboración con distintos locais ou entidades ourensás. É unha proposta de intercambio de roupa #ante o consumismo que consiste en que os cidadáns poidan deixar nela o que non usan e recoller o que lles faga falta.