CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Os centros Voz Natura envórcanse na loita contra os incendios


No 2006 unha onda de incendios arrasou Galicia. Todos os colexios que traballaron e traballan co proxecto Voz Natura non o esqueceron nunca, e fora cal fora o tema principal do ano, o dos incendios seguía na axenda escolar. En decembro pasado e principios de xaneiro o lume volveu estar de actualidade. Por sorte non en Galicia, senón nas antípodas, en Australia, pero a Terra é a mesma para todos e non hai outra.

Sábeo ben Juan Ojea desde o CPR Estudo de Nigrán, que leva cinco anos no programa Voz Natura e que despois de plantar 1.200 exemplares de especies autóctonas dá a sensación de que non lle chega o tempo, en vista da cantidade de proxectos que desenvolven no centro cunha vitalidade admirable. «E  agora -di- colaboramos  coa  comunidade de montes, que está a organizar  unha  festa», centrada, claro, no medio ambiente. Porque en Nigrán a conciencia sobre os incendios está absolutamente estendida: dúas mulleres faleceron nun deles no 2017, e iso ninguén o esquece. 

Incendio de enormes dimensións houbo tamén o pasado outono en Monforte e Pantón, e iso foi motivo para que Ana Arias impulsase non só múltiples traballos no seu centro de 56 alumnos, o CEIP Monte Baliño, de Ferreira de Pantón, senón tamén unha reflexión. O sufrimento de persoas e animais -que volven ver agora en Australia-, as fotos cun fume como o que viran un par de meses atrás e ata os medos daqueles que vivían en casas illadas ou case preto das chamas saíron a relucir. 

Na Divina Pastora de Ourense, Gonzalo  Busóns, o profesor responsable do proxecto Voz Natura, é unha máquina explicando todo o que fan. Ensina corredor tras corredor con pósteres, recortes, fotos… ensina tamén unha caótica aula na que hai desde chalecos reflectores ata ferramentas para ir ao monte, e que é o campamento base. No historial do centro, numerosas reforestacións e saídas interpretativas.

O toque optimista final pono Juan Ojea coa vista posta no futuro que xa chega: «Todos vos anos  mantemos a reforestación, e  agora  xa  dá gusto ver  as  árbores que  empezan a  medrar». Non é verán, chove e a terra está húmida. As probabilidades de incendio forestal son agora mesmo moi baixas.