CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Un premio tras outro para o CPR San José de Ourense


No CPR San José de Ourense coleccionan premios. O último por agora, o pasado mes de febreiro, cando participaron na XXI Exporecerca Jove de Barcelona. Ou mellor sería falar en plural: levaron o primeiro na categoría A (primeiro ciclo da ESO) por un estudo sobre as radiacións electromagnéticas (aí é nada!) que fixeron Sara, Tania, Izan e Pablo. Ademais, o segundo na mesma categoría e outro máis para o equipo formado por Jorge, Nicolás e Xoel, que presentaron un traballo sobre o efecto Marangoni ou bágoas do viño para caracterizar viños con denominación de orixe.

Carlos Pérez Freire, o seu coordinador, está agradecido a Voz Natura porque co seu proxecto Coa ciencia conservamos, non plastificamos participan nesta iniciativa de La Voz de Galicia.

«O noso é un proxecto multidisciplinar, por unha banda reciclaxe e separación de residuos, e por outro ciencia», di Carlos Pérez mentres lamenta que o coronavirus dese ao traste coa súa participación no Mobile World Congress (o Exporecerca Jove estaba integrado no Mobile, pero trasladouse de lugar). 

O certo é que levan un curso no que non pairan. Xa en novembro do ano pasado os de primaria organizaron unha exposición baixo o título de Desplastifícate. Nela mostraban artigos de uso cotián en desuso carentes de plástico, desde a clásica bolsa do pan de tea a envases de gasosas e viño, desde as tradicionais leiteiras a xiringas de vidro; desde, en fin, de  forros de libros a nasas de pesca. Unha auténtica disección da sociedade de outrora e actual. «Os plásticos foron substituíndo moitas cousas de uso cotián, e iso xerou novos residuos prexudiciais para o medio», engade o coordinador. Obxectivo? «Que o alumnado se introducise no proceso de investigación e no de concienciación ambiental».

E mentres, os de infantil traballaron no seu proxecto en xaneiro e febreiro baixo o epígrafe Os océanos e o coidado do Medio Ambiente, que plasmaron no hall da entrada para que os pais visitáseno máis comodamente. Obxectivo neste caso? «Pois a pesar de que o colexio está a cen quilómetros do océano máis próximo, valorar a riqueza e beleza dos mares e remarcar a necesidade de mantelos en bo estado e evitar a súa deterioración por plásticos».

Carlos Pérez insiste en que traballan interdisciplinarmente, porque tamén entra en acción o departamento de Lingua “para a redacción dos textos, e o de Inglés para os abstract que hai que facer para presentarnos aos certames. E por suposto, todos os de ciencias”. 

Un suma e segue constante. Dá ata vertixe. E o CPR San José de Ourense dá, tamén, sa envexa.