CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura apraza o fallo dos premios desta edición


O peche dos centros polo Covid-19 deixou proxectos sen acabar que se poderán retomar a principios do próximo curso.

Coa chegada da primavera os proxectos Voz Natura fanse máis visibles e proliferan as actividades ao aire libre: os equipos saen a plantar árbores, a limpar praias e ríos, a facer roteiros de eco-sendeirismo... Todas estas actuacións quedaron en suspenso co peche dos centros escolares e son moitos os colexios e institutos que non puideron finalizar os proxectos que tiñan previstos.

Na situación actual, a organización do programa e o seu comité científico han decido non pechar esta edición no mes de xuño e, por tanto, aprazar tanto o fallo como a entrega dos premios aos traballos máis destacados. Cando arrinque o próximo curso 20-21, no mes de setembro, os equipos participantes poderán retomar os seus proxectos onde os deixaron e finalizar as actividades pendentes.

Será entón, durante o primeiro trimestre, cando se dea por finalizada esta 23.ª edición na que participan 375 colexios, institutos e asociacións.

Voz Natura é unha iniciativa de La Voz de Galicia desenvolvida pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Máis de 420 solicitudes para o curso 20-21
Cando se suspendeu a actividade escolar e o Goberno decretou o estado de alarma, Voz Natura estaba a piques de pechar o prazo de inscrición para o próximo curso. Faltaban por presentarse algúns proxectos polo ampliouse algúns días o prazo co obxectivo de facilitar a tarefa aos docentes. Algúns tiveron que realizar a inscrición desde os seus domicilios e, por iso, a ampliación do prazo veulles ben para adaptarse á nova situación.

Finalmente, o programa pechou cun novo récord: máis de 420 proxectos queren participar na 24.ª edición de Voz Natura.

Agora, o comité científico do programa está a avaliar todas as propostas e en xuño publicarase a lista dos admitidos.Nesta situación anómala, os centros que participan por primeira vez iniciarán os seus traballos en setembro. Mentres, os que repiten, finalizarán as actividades pendentes deste curso mentres inician os seus novos proxectos.