CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

25 anos supervisando os proxectos de Voz Natura nos centros


Penúltima semana do primeiro trimestre e os deberes están feitos. Polo menos os de Alejandro Díaz, o portavoz do comité científico de Voz Natura. Porque en efecto, dous días despois, o 21, termina a primeira rolda de visitas aos máis de tres centenares e medio de centros que participan nesa iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Nin sequera ao martes pasado fixo ponte Alejandro, empeñado en cumprir coa súa axenda sen atraso chovese (que vaia se choveu) ou non. «Como sempre, tiven moi boa acollida, e a maioría están literalmente entusiasmados», confesaba o día 8, festivo, que dedicou a organizar papeis e notas. Pero que é e quen compón ese comité científico? Hai 25 anos, cando comezaba Voz Natura, alguén comentou: «Aquí non hai ocorrencias, hai ideas, e as ideas teñen que fundamentarse en persoas que dean prestixio e que saiban como se fan as cousas».

E para iso creouse o comité científico, que na actualidade intégrano Ramón Núñez, José Antonio Díaz, Antonio Prunella, Marcos Pérez, Marisa Castro e Elvira Sahuquillo, ademais do portavoz, e cuxos nada curtos currículos están na web de Voz Natura.

Diferenzas entre este curso e o primeiro? «Aquilo era botar a andar», lembra José Antonio Díaz, membro do comité desde o primeiro momento («Eu tiven a honra de recibir os 120 primeiros proxectos»). Alejandro Díaz fai a súa achega: «Non hai que irse tan lonxe, xa hai diferenzas co curso pasado». E covid aparte, á pregunta de cales responde: «A colaboración entre centros e familias, que vai a máis. Os rapaces xa non están sós cos profesores, mesmo hai comunidades de montes que se implican no traballo dos colexios e de Voz Natura». José Antonio cre que o gran cambio foi entre o primeiro e o terceiro ano: «Antes recibiamos proxectos monográficos, e de súpeto empezaron a chegar multidisciplinares, e aí o comité si que tivo que poñerse a pilas, xa non só era ver unha idea lineal senón que os profesores, que son os grandes protagonistas de Voz Natura, traballáronllo moitísimo».

O seguinte paso unha vez que as vacacións de Nadal queden atrás? Alejandro teno claro: «Pasar á acción directa, hai que levar as actividades fóra, ao aire libre». E José Antonio está totalmente de acordo por unha razón para el indiscutible: «É que iso é a esencia de Voz Natura!».