CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 


Voz Natura chega á súa 26.ª edición co consumo responsable como eixo temático


Co 25 aniversario de Voz Natura aínda en marcha, o programa de educación ambiental prepara xa a súa próxima edición. Creado por La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, está patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

O próximo 1 de febreiro ábrese o prazo para todos aqueles centros e asociacións que queiran participar cos seus proxectos. As solicitudes de inscrición deberán realizarse a través do formulario en liña aloxado na web do programa (www.voznatura.es), ata o 15 de marzo.

Despois entrará en acción o Comité Científico —integrado por destacadas personalidades do mundo da ciencia, a educación e a comunicación—, que analizará e avaliará todas e cada unha das propostas e seleccionará os proxectos en función da súa orixinalidade, interese, viabilidade, así como a participación da comunidade educativa.

A temática protagonista do curso 2022-2023 será o Consumo responsable, sostible e respectuoso co medio ambiente. Deste xeito, propoñeranse todo tipo de actividades relacionadas coa xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais, a redución, reciclado e reutilización de desfeitos, o aforro enerxético e as ecoauditorías escolares.

As accións destinadas a coñecer e reducir a pegada ecolóxica serán as protagonistas da 26.ª edición, pero, como en convocatorias anteriores, non serán excluíntes e haberá liberdade de elección. Calquera proposta de acción directa sobre o medio ambiente, así como actividades de concienciación e sensibilización ou investigación científica, terán cabida en Voz Natura.

E quen pode participar no programa? Os alumnos de educación infantil, primaria, secundaria, especial, bacharelato e formación profesional de calquera centro escolar de Galicia, escolas taller e asociacións ambientais baixo a dirección dun ou varios profesores ou educadores. Vintecinco anos e máis de 6.000 proxectos multidisciplinares despois, a familia Voz Natura segue crecendo e suma xa máis de 50.000 docentes e un millón de alumnos na súa historia como programa de educación ambiental.