CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Día Mundial da Enerxía nos centros Voz Natura 


Este luns celébrase o Día Mundial da Enerxía, e por iso mesmo o ecorreto de Voz Natura durante o mes de febreiro é #RetoAforramos

O obxectivo desta efeméride é promover o uso de fontes alternativas e diminuír o uso das enerxías non renovables para frear o aumento de emisións de gases de efecto invernadoiro que provocan a deterioración dos ecosistemas e o agudizamiento do cambio climático. 

Os centros educativos están metidos en proxectos destinados a entender que é a enerxía, por que aforrala constitúe unha boa idea e, por tanto, por que todos, alumnos, profesores, pais, políticos, xornalistas e calquera outro, deben —debemos— poñerse en modo «consumo responsable». 

E iso é o que fan, por exemplo, no ourensán CEM Monteledo, onde Silvia Martínez segue insistindo no aforro, aproveitando para falar sobre el porque teñen sensores de luz en moitos espazos. Realizan un gran proxecto de integración con alta participación comunitaria. 

Outro aspecto distinto pero no fondo non moi distante do anterior é obxecto dos desvelos da profesora Noemí Romay no CEIP de Caión, un pobo costeiro da provincia coruñesa que leva a cabo unha gran iniciativa de concienciación sobre enerxías renovables e transportes sostibles fronte á polución e a contaminación, os residuos e a falta de zonas verdes nas cidades.
Os alumnos de 3.º e 4.º construíron unha maqueta que representa unha cidade sostible, cos seus paneis solares e sen esquecer o transporte, que debe moverse con enerxías renovables. «Tamén estamos co tema da reciclaxe, e aí traballamos cos pequenos —engade Noemí Romay—. Instalamos un punto limpo propio e explicámoslles por que diferenciamos os residuos». O de Caión é un colexio onde constantemente están a sacar adiante ideas relacionadas con Voz Natura, e os de 1.º e 2.º andan enfaenados coa redución de plásticos. 

Falar de aforro de enerxía é toda unha invitación a que Ramón Sineiro explique o moito que fixeron no CPR Os Sauces, de Pontevedra, centro pioneiro en ecoauditoría escolar. «Temos residencia, temos piscina, e aquí todo o que é xestión da auga importa moito», comeza dicindo.
Cambia de tema e engade: «Os alumnos, de maneira rotatoria, son encargados de planta, e iso implica revisar as aulas para que a luz non quede acesa, por exemplo». E lamenta, aínda que se mostra comprensivo, que co consumo de electricidade aumentase co covid: «Por unha banda hai que quentar as aulas, e por outra hai que dar clase coas xanelas abertas, así que…». Con vistas a iso, ao aforro, formaron un comité de acción con representación dos alumnos que se reúne cada catro meses para ver que medidas pódense adoptar co fin de evitar o malgasto.