CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Máscaras recicladas para o entroido nos colexios de Voz Natura


Puro Entroido (ou Antroido). Puro Entroido. O mundo ao revés e todos contentos. Tamén nos tres centenares e medio de centros que participan en Voz Natura, unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces. Hai numerosos colexios (quizais a maioría) que na preparación deste tempo de cocidos e alegría puxeron o ollo na sustentabilidade. Por exemplo o CPR Mariano, de Vigo, que celebra os entroidos coas tres erres: «Reciclamos, reutilizamos e reducimos», apuntan. Porque o interese é que os centros Voz Natura disfruten duns entroidos ecolóxicos, con disfraces feitos con materiais de reciclaxe, ou celebracións escolares con temática ambiental, máscaras ou adornos con materiais naturais.

Niso están no CEIP número 2 de Tui, onde a profesora que coordina Voz Natura, Lorena Pérez, co respaldo de todos os seus compañeiros, implicou ás familias e a 350 alumnos nun proxecto ilusionante, incluído no xeneral do centro, Naturalíza- T. Trátase de que os alumnos leven caretas non compradas, senón elaboradas con elementos naturais ou reciclados. E xa teñen expostas duascentas caretas e máscaras.

Cristina Pillo, do CEIP Vista Alegre de Burela, aproveita o Entroido para desenvolver o proxecto que teñen centrado no coidado e protección da natureza. Dedícanse a investigar árbores e plantas do monte, e cada grupo centrouse nunha delas para elaborar o seu DNI. Ademais, no Samaín investigaron sobre unha criatura mitológica galega. E que ten que ver iso co Entroido? « Pois decidimos xuntar estas dúas cousas e vos nenos decoraron, preferiblemente con materiais de refugallo, uns sombreiros de palla coa árbore e criatura mitolóxica que estudaron antes na aula», di a profesora.

E hoxe acaba febreiro. Empeza marzo, e con el un novo eco-reto mensual: #RetoPlantamos, e ten o seu por que. Marzo é o mes das plantacións e reforestacións. Trátase dunha maneira de chamar a atención sobre a necesidade de preservar montes, bosques e xardíns, así como loitar contra as agresións ás que ven sometidos: incendios, deforestacións, cambio climático…