CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura bótase ao monte para celebrar o Día dos Bosques


Si, é este luns, 21 de marzo. E os colexios de Voz Natura sábeno desde hai tempo. Saben que o planeta celebra o Día Mundial dos Bosques. E practicamente todos os centros participantes nese programa, dunha maneira ou outra, celebrarano con plantacións e outras actividades de concienciación para chamar a atención sobre a necesidade de preservar estes ecosistemas e loitar contra as agresións ás que ven sometidos, como os incendios e as deforestacións. 

Téñeno moi asumido, por exemplo, no CPR Marista Santa María, de Ourense, no que levan máis dunha vintena de anos centrándose no coidado do monte, prevención de incendios e reforestacións. Dicir que plantaron miles de árbores non é esaxeración. Ramón Villar, o coordinador de Voz Natura no devandito centro, pon énfase en que o medio centenar de alumnos da ESO que acoden á reforestación coa que colabora Medio Rural «son voluntarios, e facémolo fóra do horario de clase», o cal sen dúbida encerra máis mérito. 

Por outra banda, os máis de 220 alumnos do colexio Cervantes de Lugo (un centro do programa Naturacción, patrocinado por a Fundación Alcoa) van saír ao parque da Milagrosa coa súa profesora Pilar Carballeira á fronte a colocar códigos QR en diferentes especies de árbores, unha acción para a que contan coa presenza de autoridades locais. 

E como en Voz Natura predícase co exemplo, o comité científico, co seu portavoz Alejandro Díaz e a coordinadora do programa, Nazareth Díaz, á cabeza, viaxarán tamén ao concello pontevedrés da Lama, onde se poñerán ao choio con alumnos e profesores de dous colexios, con membros dunha asociación e cos da correspondente comunidade de montes para plantar árbores. 

Trátase dunha das accións especiais do 25 aniversario de Voz Natura e denomínase «acción comunidade» co obxectivo de destacar estes puntos fortes do programa: a implicación social o seu “efecto arrastre” na contorna dos centros participantes». Noutras palabras, a colaboración de familiares, veciños, empresas e institucións.
E é que os bosques galegos merécense todo iso e moito máis!