CAST | GAL

COMITÉ CIENTÍFICO

CON TODO O RIGOR

 
O Comité Científico —composto por destacadas personalidades do mundo da ciencia, a educación e a comunicación— ten tres cometidos principais:  velar polo rigor, a exhaustividad do programa e a súa responsabilidade ambiental; seleccionar os proxectos admitidos de acordo co seu nivel técnico; e visitar os centros educativos participantes durante o curso para ver a evolución de cada actividade e asesorar durante o seu desenvolvemento. 

Con estas avaliacións en primeira persoa —e tras estudar as memorias finais nas que os participantes explican a súa actuación—, o Comité é o encargado de outorgar os premios aos centros gañadores da edición vixente.

 

MEMBROS DO COMITÉ

Ramón Núñez Centella

A Coruña, 1946
Ramón Núñez Centella

Licenciado en Ciencias (USC) e Master of Arts en Didáctica das Ciencias (New York University). Dirixiu (1985-2013) os Museos Científicos Coruñeses: Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de A Coruña.
Participou no deseño museolóxico de diversos centros científicos en España e en iniciativas para a renovación do ensino e a promoción da divulgación científica. Colaborador de  publicacións e membro da Asociación Española de Xornalismo Científico, da New York Academy of Sciences e da Royal Institution. En 1992 recibiu o Premio Nacional de Xornalismo Científico, outorgado polo CSIC.

José Antonio Díaz Núñez

Pontecesures, 1943
José Antonio Díaz Núñez

Micólogo e experto en educación ambiental. Socio fundador da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias da Coruña, onde colabora como divulgador científico e asesor dun servizo de identificación micolóxica. Socio fundador y presidente do Grupo Micolóxico Galego. Desde o ano 1989 participa nas campañas de herborización do proxecto Flora Micolóxica Ibérica, do CSIC-Xardín Botánico de Madrid. Desde o ano 1997 ao 2014, traballou na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, da Corporación Voz de Galicia, en calidade de Asesor Ambiental do Programa Voz Natura.

Antonio Prunell Tudurí

Xirona, 1941
Antonio Prunell Tudurí

Biólogo e divulgador científico. Autor do libro Árboles de Galicia, ademais de diferentes guías botánicas de divulgación. É socio fundador do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias da Coruña, onde colaborou como divulgador científico e asesor do servizo de identificación botánica. Participa, desde 1989, nas campañas de herborización do proxecto Flora Micolóxica Ibérica, do CSIC-Xardín Botánico de Madrid. Deseñou e construíu o xardín botánico do Aquarium Finisterrae, do que é conservador.

Marcos Pérez Maldonado

Vigo, 1970
Marcos Pérez Maldonado

Licenciado en Física pola Universidade de Santiago e Diploma de Estudos Avanzados pola Universidade da Coruña na área de Didáctica das Ciencias Experimentais. Desde 1997 ocupa o cargo de director técnico da Casa das Ciencias da cidade da Coruña, onde se ocupa da creación de diversas exposicións, programas de planetario, documentais científicos e materiais didácticos. Como divulgador científico, mantén colaboracións habituais en diversos medios de comunicación.

Marisa Castro Cerceda

Lugo, 1955
Marisa Castro Cerceda

Doutora en Ciencias Biolóxicas (USC). Profesora na Facultade de Bioloxía (Universidade de Vigo) desde 1990 e investigadora en proxectos de micoloxía. Dirixiu varias teses de licenciatura e doutorais e é autora de máis de cen publicacións científicas nacionais e internacionais e de estudos sobre cogomelos, árbores e algas de Galicia, entre outros. Socia fundadora de Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Micolóxico Galego (presidenta 1997-2006, actualmente presidenta de honra) e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

Alejandro Díaz Sueiro

A Coruña, 1987
Alejandro Díaz Sueiro

É o voceiro do Comité Científico de Voz Natura. Diplomado en magisterio de educación primaria pola Universidade da Coruña e membro do Grupo Micolóxico Galego. Máster en xestión de proxectos medioambientales do CUE. Na actualidade traballa na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, da Corporación Voz de Galicia, en calidade de asesor medioambiental do Programa Voz Natura.

Fernando Garrido Suárez

Negreira, 1941
Fernando Garrido Suárez

Licenciado en Dereito, desenvolve a súa profesión nos campos da educación e a edición. Fundador da sociedade Padres y Maestros S.A. (1977) e coordinador do suplemento La Voz de la Escuela (1982-2005). Promoveu e coordinou a edición do suplemento escolar nos xornais El Correo Español-El Pueblo Vasco, Heraldo de Aragón, Diario de Mallorca, Diario de Navarra, Diario de Burgos e Las Provincias. Dirixiu o Máster en Medios de Comunicación (Universidade da Coruña-La Voz de Galicia. 1993-2005). Tamén foi membro fundador do Club Europeo da Prensa na Escola (1990).