CAST | GAL

Décima edición (2006-2007)

 
Voz Natura está xa plenamente consolidada entre a comunidade escolar de Galicia. O programa celebra o seu décimo aniversario con 184 centros participantes e ao redor de 30.000 estudantes involucrados na defensa do medio ambiente.
A realidade ambiental volve marcar o desenvolvemento do programa, xa que moitos dos centros participantes reorientan os seus proxectos por mor do sucedido durante o verán do 2006 en Galicia. A onda de incendios que arrasou a comunidade provocou a reacción inmediata dos participantes que se centraron en limpezas, reforestacións, plantacións, accións de concienciación...

Nesta liña, Voz Natura e a consellería do Medio Rural puxeron en marcha un programa de charlas nos centros educativos para reducir o número de incendios a través da información e a concienciación. No mes de marzo do 2007, tres centros participaron nunha plantación organizada polo mesmo departamento con 150 árbores doadas por estudantes cataláns, sensibilizados coa problemática dos incendios en Galicia. Neste curso, o programa tamén se involucrou na campaña Polo Monte da consellería de Educación.

Voz Natura avanzou na súa expansión internacional participando na iniciativa Plantemos para o Planeta: campaña dos mil millóns de árbores, promovida polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente. As plantacións que realizaron os centros ao longo do curso —un total de 11.500— sumáronse aos compromisos de reforestación de todos os recunchos do mundo que dan vida a esta campaña.

Os patrocinadores do programa no seu décimo ano de vida foron as consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Sogama.
 

DESCARGAS

MEMORIA - PREMIO GALICIA 2006-2007
GAÑADORES
CENTROS E PROXECTOS
BASES
CARTEL DA EDICIÓN
LOGO