CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura e o Muncyt: «aquí trátase de aprender descubrindo»


O tempo pasa, e Voz Natura non só é unha realidade consolidada tras unha presenza nas aulas de máis dun cuarto de século, senón que se converteu nun inevitable punto de referencia en centos e centos de centros galegos. E consolidada está tamén a relación entre ese programa e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, porque se cumpren once anos desde a firma do acordo entre esta última e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Primeira e inmediata consecuencia: segue en vigor un curso máis o programa de visitas guiadas e talleres educativos ao Muncyt, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, na Coruña.

Dous son as actividades que se ofrecen, biomímesis para primaria e os dous primeiros cursos de secundaria, e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para os outros dous, bacharelato e FP. Dicindo de paso que a biomímesis é a ciencia que estuda á natureza como fonte de inspiración de tecnoloxías innovadoras, María Viña, portavoz do museo, insiste en que a clave radica en «aprender descubrindo, non se trata de estudar, trátase de observar e de descubrir». Porque, en efecto, elíxase unha actividade ou outra, quedar parado a velas vir non é unha opción: «Isto é un xogo de pistas e aquí non se para», asegura María Viña.

A yincana no caso dos maiores tivo sempre unha gran aceptación, do mesmo xeito que o taller final —«para fixar conceptos»— no que participan todos os que se atreven coa biomímesis. «Aquí as conclusións sácanas eles», engade a portavoz, que pon enorme ilusión en toda e cada unha das palabras que pronuncia.

E non hai perigo de repetir: foise cando se foi, cada curso preparan cousas novas. «Adaptámonos ao tema anual de Voz Natura», di María Viña, e cos ODS, que son os que son, «sempre buscamos máis pezas, que haxa novidades». Pero, como reservar esa visita a «un museo que dá moito xogo», sempre en palabras da portavoz? Fácil. Todos aqueles centros interesados poden solicitala —desde agora mesmo— enviando un mail a reservascor@muncyt.es ou chamando ao 689 578 727.

Iso si, terán que acordarse de especificar que participan na actual edición de Voz Natura, que é unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.