CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O colexio Salesianos de Ourense gaña o premio Galicia de Voz Natura


Levan 7 anos coidando o medio ambiente a través de Voz Natura. Aos poucos, o seu proxecto fíxose en realidade e foi crecendo ata conseguir gañar o premio da súa provincia no curso 2013-2014. Profesores e alumnos non se deron por satisfeitos e seguiron dándoo todo ata este ano, cando o comité científico tívoo claro: o traballo do colexio María  Auxiliadora-Salesianos de Ourense foi o mellor da edición e, por iso, o gañador o premio Galicia do curso 2018-2019. Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, o programa de La Voz de Galicia, desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, fai público o fallo dos premios desta 22.ª edición de Voz Natura.

O proxecto gañador do premio Galicia viraba, desde a súa posta en marcha, en torno ao carreiro periurbano de Ourense. O equipo Voz Natura de Salesianos traballou meticulosamente sobre este roteiro didáctico e ambiental. O carreiro converteuse para eles nun centro de interpretación do patrimonio natural, nunha clase ao aire libre onde estudar a vexetación. Tamén limparon e sinalizaron o roteiro favorecendo o goce deste espazo por parte de todos os veciños.

Este curso, ademais, engadiron novas e rigorosas actividades que incrementaron o alcance e calidade do seu proxecto. Os alumnos de ESO e Bacharelato trasladáronse a lugares emblemáticos da provincia como O Invernadeiro, Parada de Sil ou o bosque de Ridimoas. Alí estudaron a flora e a fauna, realizaron limpezas e, sobre todo, coñeceron e aprenderon a respectar ecosistemas de gran riqueza ambiental da súa contorna.

No centro educativo, os maiores crearon un  minivivero de árbores autóctonas, realizaron maquetas topográficas e construíron un invernadoiro que os pequenos aproveitaron para coidar o horto e os xardíns do cole. Todo o centro implicouse nas xornadas sobre ciencia onde abordaron temas como as plantas exóticas invasoras, os incendio ou o cambio climático. Aínda por riba, reforestaron e visitaron exposicións ambientais.

Os premios Voz Natura conlevan unha achega económica para investir en accións ambientais. O obxectivo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e das entidades e empresas que apoian o programa, é consolidar os proxectos e facilitar os recursos necesarios aos equipos para que sigan traballando. Así, o premio Galicia está dotado con 5.000 euros e o Infantil, con 2.000. Ambos contan co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente. Os provinciais conlevan 2.000 euros cada un e están patrocinados por  Gadisa.

A CORUÑA: CPR- EFA FONTEBOA
«Marcas únicas do monte». Os alumnos deste centro de Coristanco realizaron un proxecto perfectamente conectado coa súa contorna rural: traballaron na conservación da biodiversidade, crearon roteiros de sendeirismo, limparon un río, impartiron cursos de apicultura e micoloxía e achegáronse ás tradicións e aos antigos oficios.

OURENSE: ASOCIACIÓN SUSTINEA
«Corredor verde de insectos». Ata sete centros escolares da cidade de Ourense participan neste innovador proxecto abanderado pola asociación  Sustinea. O seu eixo central: a creación dun corredor verde de insectos  polinizadores para que traballen a favor da diversidade biolóxica. Contan con gran apoio institucional e das familias.

LUGO: COLEXIO CERVANTES
«Sementes de futuro». O premio provincial de Lugo recoñece un traballo solidario e de gran calidade que chegou, mesmo, ao cume climático de Costa Rica. O equipo Voz Natura recuperou un espazo urbano para horto escolar que utiliza toda a veciñanza; reciclou, limpou praias,  reforestó e traballou na erradicación dos plásticos.

PONTEVEDRA: CEIP AS SOLAINAS
«Medrando xuntos». O mar, os ríos e os montes son o centro do traballo do CEIP As Solainas - Nicolás Gutiérrez Campo, da Guarda, premio provincia de Pontevedra. Profesores e alumnos implicaron ás comunidades de montes en reforestacións e, ao Proxecto Ríos, en limpezas de leitos; traballaron no seu horto e realizaron itinerarios botánicos.

MELLOR PROXECTO INFANTIL: ESCOLA INFANTIL BARRIONOVO (ARTEIXO)
O traballo infantil máis destacado de toda Galicia durante esta edición é o da Escola  Barrionovo, de Pastoriza (Arteixo). Os seus pequenos escolares -guiados polas súas mestras- gozaron durante todo o curso levando a cabo un traballo centrado nos montes:  reforestando, limpando e protexéndoos da secuela dos incendios forestais. Non esqueceron o seu horto infantil e os seus  ecopatrullas, as prácticas de reciclaxe e separación de residuos, a micoloxía e a loita contra as especies invasoras.  O comité científico ha destacado que se trata de «un proxecto de educación infantil transversal onde as familias, os xogos, a arte, as propostas de acción, as lecturas  contextualizadas e demais elementos  motivadores do traballo, achegan moi ben aos máis pequenos ao coñecemento da súa contorna». 

Máis recursos para seguir coidando o medio ambiente desde as aulas
Os premios Voz Natura levan unha achega económica para investir en accións ambientais. O obxectivo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e das entidades e empresas que apoian o programa, é consolidar os proxectos e facilitar os recursos necesarios aos equipos para que sigan traballando. 

Así, o premio Galicia está dotado con 5.000 euros e o Infantil, con 2.000. Ambos contan co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través de Sogama. Os provinciais levan 2.000 euros cada un e están patrocinados por Gadisa. 

Voz Natura contou este curso co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces e o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.