CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

A ciencia e a investigación asolagan as aulas impulsadas por Voz Natura


Carlos Pérez pódeo dicir máis alto, pero non máis claro: «No meu colexio, o Plurilingüe San José  Josefinas de Ourense centramos todos os esforzos en formar e fomentar as vocacións científicas». Por sorte, non é o único en Galicia que aplica a investigación e a ciencia á protección e mellora da contorna.
Non o  desanima que a pandemia truncase «a ilusión do profesorado e alumnado por realizar traballos de investigación no laboratorio, porque perderon este espazo ao ser destinado temporalmente como aula». O profesor é dos que ve o vaso medio cheo e asegura que a situación reforza o seu proxecto, e explícao: «A importancia do papel da comunidade científica está a ser fundamental en situacións de crises sanitarias e tamén ambientais, que xa estamos a padecer».

Carlos Pérez ten unha certa e sa présa vital, e asegura rotundo que «os científicos do mañá teñen que empezar a formarse hoxe e a mellor forma é fomentar a curiosidade e levar a cabo proxectos de ciencias con rigor». E niso están. Porque durante os últimos anos certames científicos nacionais e internacionais premiaron o talento das Josefinas de Ourense, «o cal motiva a estas novas xeracións e avala a calidade das súas iniciativas», remata.

Desde logo, envorcados na ciencia e na súa aplicación no medio ambiente si están no compostelán IES  do Sar. O número de proxectos é enorme, e a relación faia con entusiasmo Leopoldo  Bahíllo, un veterano profesor de Voz Natura, programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

E resulta difícil elixir algúns deses proxectos e destacalo sobre os demais. O estudo físico-químico do río Sar nas brañas que forma? O estudo do radon nas rocas ornamentais? A análise das augas das cinco fontes do barrio?  Bahíllo asegura tres cosas das sete decenas de alumnos que participan: «Funcionan ben, aprenden e gozan». E xa están a esperar ao 10 de xuño, cando se producirá unha eclipse que non pasará desapercibido para os novos alumnos do Sar.

Outros clásicos son os alumnos do Seminario de Lugo. Clásicos, incombustible e sempre animados, polo que se ve. Este curso construíron unha incubadora de ovos de galiña á que, desde logo, danlle moito uso. « Incubar  ovos pode ser un divertido  proxecto educativo que  mestura  moitas capacidades interdisciplinares: investigar,  coidar, responsabilizarse, predicir acontecementos e valorar a vida, entre  outros», reflexiona o profesor responsable, Miguel Leiva. Pero atopáronse cun inconveniente: o diñeiro. «Así que  fixemos  unha  empregando  materiais recuperados e na internet  só  mercamos vos dispositivos electrónicos». De onde saíu o resto de elementos: «Foron conseguidos de restos que había non taller de  Tecnoloxía». Ou sexa, a grandes males, grandes remedios. Sinxelamente exemplar.