CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Os escolares ourensáns renden homenaxe ao planeta con música, traballo e coñecemento


O pasado xoves celebrouse o Día Internacional da Terra e varios centros e asociacións de Ourense aproveitaron a xornada para, dalgún modo ou outro, poñer en valor a posibilidade de xerar unha mellor convivencia entre a humanidade e o planeta.

Nestas actividades colaborou Voz Natura, programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

En Salesianos a proposta de celebración pasou por organizar unha das súas  Xornadas Conciencia. Neste caso, e escapando do monólogo, os coordinadores decidiron que querían unha charla áxil e dinámica, e así foi: unha mesa redonda formada por tres especialistas que encararon o problema do cambio climático desde o punto de vista dos seus sectores. Así, os relatorios do  geólogo Eduardo José González Clavijo; a doutora en Ciencias do Mar,  Marisela Deas Villanueva; e o doutor en Enxeñería de Montes, Manuel Souto Ferreiro, ofreceron aos alumnos unha visión ampla da problemática. Contaron ademais con Alejandro Díaz Sueiro, membro do comité de Voz Natura, como moderador. «Queriamos algo  áxil e dinámico, e  penso que ou conseguimos», apuntou Enrique Fernández, docente responsable da actividade.

No Miraflores prepararon o día con antelación. Durante a semana os escolares de todo o centro pasaron parte do seu tempo elaborando pancartas e reflexionando sobre a situación do planeta. Pero sobre todo, aprendendo a canción  S.O.S.  from  the  kids. Así, os alumnos de todas as etapas educativas do centro puideron estender unha mensaxe de amor, respecto e protección da biodiversidade, dunha das mellores maneiras posibles: cantando todos xuntos no patio.

Scouts Ourense tamén se sumou ás celebracións, aínda que neste caso trasladaron a súa ao sábado. A construción e instalación de composteiros con material reutilizado como  palets de madeira na antiga estación de San Francisco foi a súa forma de homenaxear ao planeta. Ademais, os mozos de entre 11 e 14 anos que participan nesta iniciativa utilizarán o compost que xeren a partir dos seus residuos en tales recipientes para abonar unha horta nas inmediacións da estación. Serán eles mesmos quen a cultive.