CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura impulsa unha recuperación forestal sostible desde a escola


«A boa vontade, ás veces, pode dar como resultado malas accións para o medio ambiente». Esta reflexión do comité científico de Voz Natura levou ao programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre a poñer en marcha unha campaña de recuperación responsable dos terreos afectados polos incendios deste verán. O obxectivo é guiar aos 385 colexios, institutos e asociacións —con máis de 77.000 alumnos e preto de 4.000 docentes— para que as súas accións, coordinadas coas autoridades, contribúan a restaurar os chans e protexer a fauna, para a futura recuperación destes ecosistemas.

Alejandro Díaz, portavoz do comité científico de Voz Natura, leva dúas semanas visitando os centros de Ourense. «Estou a atoparme unha estampa desoladora nalgunhas zonas; mesmo historias persoais moi duras, pero hai ganas de pasar á acción. Agora debemos asegurarnos de que se faga correctamente», indica.

Plan de acción
 A campaña posta en marcha por Voz Natura comezou cun plan de acción trasladado a todos os participantes. O primeiro paso desta folla de roteiro pasa por informarse e formarse. Para iso, o programa lanza unha nova edición do ciclo de charlas de protección da natureza, impartidas por axentes da Garda Civil e a Policía Nacional e expertos en incendios forestais.

Tamén ofrece á comunidade educativa unha serie de recursos (Montes. Incendios forestais) na súa páxina web e no seu espazo de innovación educativa

Co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex, Voz Natura anima aos centros para pasar á acción. Plantar e reforestar quedará para máis adiante, pero agora os escolares poden probar técnicas como o mulching, que consiste en crear unha cuberta protectora do chan para evitar a erosión empregando materiais como a palla. Tamén, poden instalar comederos e bebedoiros para a fauna destas zonas. Os primeiros en poñerse ao choio foron os escolares do CEIP de Medeiros (Monterrei) e do Vicente Risco (Cualedro), que, ademais, xa están a planificar unha segunda xornada de actividades.

Outra das recomendacións consiste en crear viveiros de árbores autóctonas da súa zona no colexio para, máis adiante, dispoñer de plantas coas que iniciar as reforestacións.