CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

84 especies de liques certifican a pureza do aire nas Neves


A Xanthoria parietina non é unha comida familiar de lamprea, senón o nome dun lique frecuente no municipio das Neves. É amarelo e unha das especies máis comúns na comarca do Condado. Os liques son o mellor exemplo de colaboración entre un fungo, unha microalga e unha cianobacteria. Constitúen un bo indicador da pureza do aire: a maior número de especies e de individuos, máis san. Nesta zona, unha vez superados os incendios do verán, a atmosfera está moi limpa. Proba diso é que estes organismos aparecen en calquera superficie: árbores, pedras e mesmo beirarrúas, segundo explica Gabriel Meizoso, subdirector da EFA A Cancela, centro educativo que imparte varios ciclos formativos.

Os seus alumnos protagonizaron a primeira das actividades especiais da 29.ª edición de Voz Natura, coa organización dun evento colaborativo de ciencia cidadá, xa que o tema central deste curso é a crise climática e darase relevancia á realización de accións para combatela e á procura de solucións para mitigala.

Os estudantes da EFA A Cancela fixeron unha saída de campo, precisamente o 24 de outubro ─Día mundial contra o cambio climático─,  co obxectivo de rexistrar a maior cantidade posible de especies nunha área determinada e poder avaliar a súa situación ambiental. O resultado foi moi positivo: 84 especies de liques detectadas con 678 exemplares observados. Os resultados foron validados por seis expertos na materia a través dunha aplicación que se chama iNaturalista, consistente en realizar fotos, identificalas e xeolocalizalas para poñelas ao dispor de toda a comunidade científica.

Neste caso, os cazadores de liques foron 200 alumnos e 13 profesores repartidos en grupos para mapear As Neves. A alumna Brenda Perdigao, unha das máis activas, identificou moitos exemplares. Estuda o módulo de técnico auxiliar de Enfermería, un ensino dun ano con tres meses de prácticas. «Gústanme moito os fungos e ir recoller cogomelos», indicaba mentres facía fotos co móbil diante do Concello. As pedras da praza están estampadas de Ochrolechia parella. A EFA A Cancela fará unha exposición de imaxes en colaboración co Concello. Moitas parecen pinturas.

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.