O comité científico visita os centros educativos e os espazos naturais que se protexen
Os veteranos sábeno e os recentemente chegados tamén recibiron información, pero nunca está de máis lembralo: nada se fai porque si en Voz Natura, calquera decisión que se toma está apoiada por un comité científico formado por sete profesionais de primeiro nivel que ten tres cometidos principais: velar polo rigor, a exhaustividad do programa e a súa responsabilidade ambiental.
Están pendentes da evolución de cada proxecto, informados polo seu portavoz, Alejandro Díaz e viaxan por Galicia para ver a evolución de cada actividade e asesorar durante o seu desenvolvemento. De feito, o comité científico continúa as súas viaxes, nestes momentos polas provincias de Lugo e Ourense, que xa foron visitadas en case a súa totalidade.
Alejandro Díaz destaca un detalle: «Cada comezo de curso atopámonos a profesores que cambian de centro pero coordinan e/o participan nos proxectos dos seus novos destinos». Para el, iso demostra «unha fidelidade e entusiasmo coa protección da natureza que queremos destacar, porque, por resumilo, os nosos profes levan Voz Natura onde queira que vaian!».O comité científico fai un primeiro balance, «e vemos que a crise climática (temática principal do programa durante este curso) é o centro de multitude de actividades: traballos moi interesantes sobre enerxías renovables, protección da biodiversidade ou coidado dos nosos ecosistemas», en palabras de Díaz.
Hai centros que os sorprenderon, e para ben, debido a que son sensibles aos temas de actualidade ambiental, neste caso aos incendios forestais: «Os nosos coles traballan en viveiros forestais, axudan co mulching ou acolchado de palla nos montes queimados e solicitan as nosas charlas de protección da natureza», engade o portavoz. Aspecto importante: da concienciación pasan á acción directa, algo incrustado no ADN de Voz Natura, iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
O resumo faio Díaz mentres repasa a que centros ten que ir mañá: «Ademais de levar a cabo os proxectos que presentaron na 29.ª edición de Voz Natura, os participantes súmanse ás novas actividades propostas desde a organización do programa como a creación dun decálogo de bos hábitos ambientais, a celebración de efemérides ou dar continuidade a actividades doutros cursos».






