O profesor Gongo fai campaña polo consumo responsable
En realidade o seu DNI identifícao como Gonzalo Castro Lodeiro, pero asina como profesor Gongo. E así o coñecen no seu CPR Cervantes, de Lugo, un centro que leva adiante todo tipo de actividades ambientais. E tamén teñen no punto de mira, e prioritario, o consumo responsable.
Boa semana para tratar sobre isto último non só nesas aulas senón en todas as que participan en Voz Natura, iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
E é unha semana idónea porque este xoves celébrase o Día Mundial sen Compras, unha xornada para reflexionar (e actuar!) sobre o consumo desaforado nun planeta finito e, ademais, moi mal repartido. O profesor Gongo aclara que «xa estamos a realizar accións como chapalandia sostible (facemos chapas con lemas ecolóxicos), bolsas que falan (campaña solidaria de reutilización de téxtiles) e lapis de papel (é dicir, lapis creados coa reciclaxe de xornais de La Voz de Galicia) para concienciar sobre ou consumo responsable e a non violencia de xénero».
No seo do colexio—que forma parte de Naturacción, un programa de Voz Natura patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación— naceu tamén unha idea que chaman A miña cidade sostible: ideas creativas para coidar a Terra, enfocada directamente a un consumo responsable. «É unha proposta educativa innovadora dentro de Voz Natura, do programa Polos Creativos e a Carta Internacional da Terra coa finalidade de integrar a educación ambiental, a tecnoloxía e os valores humanos éticos nun proceso de aprendizaxe activa, cooperativo e significativo», explica o docente.
E é unha idea que calou entre os alumnos: ao redor de douscentos vinte participarán nese proxecto.
Queda moito curso por diante e moito traballo por facer. Pero o profesor Gongo teno todo previsto: «Remataremos o curso cunha Feira da Terra e da Paz aberta a toda a comunidade e que servirá para visibilizar, reflexionar e compartir o noso proxecto educativo», e aclara que «non só é un proxecto de aula se non un compromiso educativo co futuro común e coa construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa coa natureza». Ademais de traballador infatigable, previsor.






