CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Estreamos mes cun novo reto ecolóxico para fomentar a reutilización 


Comeza o mes de decembro e con el empeza o novo reto de Voz Natura, RetoReutilizamos. De reutilizar sabe moito Xavier Picos, que traballa no Centro Ocupacional de Aspaneps, de Perlío, no municipio coruñés de Fene. Unha descrición dese centro, nacido en 1992, debe incluír que na actualidade conta con vinte e tres prazas para persoas con discapacidade intelectual, quen atopa aí unha ampla carta de servizos de apoio orientado ao seu benestar e promoción. Dentro dos servizos ocupacionais, e para o mantemento e adquisición de destrezas manuais e prelaborais, no espazo que denominan Laboratorio Eco-Social desenvólvense actividades ecosistémicas que promoven a resiliencia, pensando nos retos actuais do planeta.

Sendo iso certo, falta desde logo explicar que fai o factor humano e que fai Aspaneps dentro de Voz Natura,  iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. «Nesta semana collédesnos engadindo follas e restos de poda —previamente triturada— dos parques municipais á lineais da área de fracción vexetal que temos», explica Xavier Picos.

O profesor puntualiza que en absoluto é a primeira acción que desenvolve nese centro, que participa por primeira vez en Voz Natura: «No mes de outubro participamos na organización dunhas  xornadas nas que, baixo o título Compostaxe descentralizado e inserción laboral difundimos a  compostaxe entre as entidades do terceiro sector, aproveitando a oportunidade actual para unha correcta xestión dos residuos no fomento da economía circular». Desde logo, e á parte de razoamentos e opinións, alí trabállase sen parar día tras día.

Xavier Picos define os que na súa opinión son os grandes retos da humanidade. Con eles como marco desenvolve as actividades no Centro Ocupacional de Aspaneps. «Primeiro, a crise climática. Segundo, a crise da contaminación. Terceiro, a crise da biodiversidade». A pregunta lóxica é como os afronta alí, e pon un bo grupo de exemplos, entre eles que «levamos adiante o proxecto Precious Plastic, que consiste na reciclaxe e reutilización do plástico con máquinas para destinalo a pezas de mobiliario urbano, pendentes, regras ou adornos do Nadal».

El é un máis á hora de remangarse, e así tanto se lle pode atopar construíndo hoteis de insectos como áreas de aromáticas. A crise da biodiversidade combátese tanto así como na horta comunitaria, na que participan sete persoas e na cal se practica agricultura ecolóxica e regenerativa, dando uso ao compost obtido. O eco-reto deste mes, RetoReutilizamos, non vai ser complicado para eles.