CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Constancia fronte aos desafíos que requiren acción ambiental


Constancia. Esa é unha das palabras que definen Voz Natura. Non podería ser doutra maneira porque son os propios centros (385 na presente edición) os que impulsan o programa. Ideas novas, alumnos novos, desafíos novos, profesores novos (e unha chea deles que repiten ano tras ano!)… todo parece conxurarse para que poida presumir dunha saúde vigorosa esta iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

O mérito é, sen dúbida, dos docentes. Por exemplo de Guillermo Díaz, que no CEE María Mariño, de A Coruña, continúa traballando en varios proxectos educativos cos seus dez alumnos de Xardinería e viveirismo. «Con Voz Natura este curso estamos coa reprodución de musgos, e xa  comezamos a preparar as bandexas e así iniciar unha colección destas especies», di Díaz. Os musgos son, por certo, un dos grandes damnificados pola crise climática, xunto cos liques. Sexa dito de paso, a mediados da semana pasada acabaron de plantar carballos nese centro de educación especial.

Quen tampouco perden o tempo son os alumnos de primeiro de bacharelato do Colexio Miraflores, de Ourense, quen está desenvolvendo unha aplicación sostible chamada beEco, «un dos retos propostos por eles dentro do plan de sustentabilidade do centro (Territorio Que Educa) e vinculado a Voz Natura», segundo explica a profesora Begoña Ebra. No proxecto participan en primeira liña cinco alumnos «axudados polos seus compañeiros, que ademais da app están  a traballar nas diferentes accións dese plan de sustentabilidade», engade. E que pretenden? «Facilitar hábitos máis responsables, promover o coidado ambiental e integrar novas tecnoloxías na conciencia ecolóxica da comunidade educativa», responde.

Non son os únicos en aproveitar o tempo. No CEIP de Marcón (Pontevedra) a profesora Montserrat Díaz detalla que están a colaborar na recuperación do río que presta o nome ao centro. «Quero destacar a implicación das familias visitando e percorrendo as ribeiras próximas ao noso cole, acompañando fotografías do seu estado de conservación e motivando aos nenos tamén desde as casas», e engade que xa están a programar para o segundo trimestre o percorrido polas pontellas e muíños desa zona e doutras próximas.

Son só exemplos, Hai, por suposto, moitos máis. Porque o importante é non parar, e para iso fai falta o devandito ao principio: constancia. Por sorte, parece que sobra no ecosistema Voz Natura.