Aberto o prazo para apuntarse á 30ª edición de Voz Natura
Número redondo: 30. Unha cifra que convida á celebración porque o próximo curso Voz Natura cumpre tres decenios de vida. E neste mes que acaba de empezar, ábrese o prazo de inscricións para participar na próxima edición do programa iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
En resumo, ata o 15 de marzo todos os centros educativos galegos de infantil a bacharelato e, por suposto, incluíndo á formación profesional, educación especial e as asociacións, están convidados a formar parte do programa. Iso si, teñen que estar interesados en coidar e protexer a natureza. Nazareth Díaz Castro, coordinadora do programa asegura, sen desvelar as sorpresas que agardan, que «será unha edición moi especial, con moita acción e moita concienciación, que son os nosos obxectivos principais».
Os profesores veteranos saben que sempre, cada curso, hai unha temática central ao redor da cal se desenvolve unha intensa acción directa. O ano que vén, simplemente non a hai. A coordinadora explica que «deixamos que os centros interesados en participar escollan as accións ambientais que máis lles interese levar a cabo ou que realicen as actividades que consideren máis adecuadas baseándose nos temas que consideren máis necesarios na súa contorna». Resumíao un deses profesores veteranos: «Más facilidades, imposible».
Indo ao práctico, Que hai que facer para inscribirse? A través do formulario na web de Voz Natura (www.voznatura.com), facendo click no botón de «Próxima edición», hai que cubrir os datos do centro e dos participantes, así como do responsable, e explicar que proxecto vai desenvolver no curso 2026-27.
E transparencia total, como non podía ser doutro xeito: a selección final realízaa o comité científico do programa (as súas biografías e caras están na mesma web) que se encarga diso, cualificando os proxectos de cero a dez puntos segundo o seu nivel técnico-científico e a súa cuantificación económica. Por cada punto outorgado a fundación Santiago Rey Fernández-Latorre financiará un dez por cento do traballo para levar a cabo no centro. Así que non hai que apurar e ser o primeiro en apuntarse, pero desde logo ninguén diría que entra no capítulo das boas ideas esperar ao último día para facelo.






