CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura, cos mozos do centro de menores de Monteledo


Voz Natura chega a todas partes porque en todas partes hai profesores que animan aos seus alumnos para traballar para conservar, protexer e defender a natureza. Como Silvia Martínez, que no centro de menores CEM Monteledo, de Ourense, atopou unha vía para ilusionar a un grupo de mozos que, co necesario e imprescindible esforzo, teñen un futuro que pode ser brillante. E en ocasións dan exemplo ao resto da sociedade.

Silvia Martínez, que é educadora social e coordinadora de Voz Natura, bota a vista atrás e di que desde alí queren «poñer en valor máis de quince anos de colaboración nun proxecto que deixou unha  profunda pegada na nosa comunidade educativa», e resalta que esa valoración coincide co trinta aniversario de Voz Natura, un programa iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. O certo é que o seu é un moi bo proxecto de integración con alta participación comunitaria. É dicir, dun alto valor social.

A maioría dos menores que pasan por ese centro proceden de contornas urbanas, onde o contacto directo coa natureza é limitado. E por iso mesmo o traballo nos hortos e invernadoiros convértese nunha aprendizaxe que a educadora social cualifica de «transformadora, xa que co seu esforzo diario descobren que son capaces de cultivar os tomates e as leitugas que  logo consomen, fortalecendo así a súa responsabilidade e autoestima».

Baixando ao terreo do concreto, neste curso, ademais, o CEM Monteledo está especialmente implicado no viveiro de árbores, co obxectivo de impulsar unha plantación nas zonas afectadas polos salvaxes incendios do 2025. «Unha acción que busca contribuír activamente á  recuperación da nosa contorna», engade.

Os profesores e educadores déixanse alí a pel. Xente vocacional de primeira liña que recorre ás saídas educativas para completar a formación dos menores xa que son (e volve falar Silvia Martínez) «alternativas de lecer saudable que fomentan o coñecemento e respecto pola contorna». E así, practicar deporte ao aire libre, camiñar ou descubrir a biodiversidade próxima «axúdalles a comprender  a importancia de coidar e protexer o medio natural».

Antes de dar por finalizada a conversación, a educadora quere deixar claro que animan «a outros  centros para sumarse a iniciativas coma esta, porque xuntos, coa guía de Voz Natura, que son inspiración para o día a día, seguimos construíndo unha auténtica Xeración Natura».