CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

A primavera entra con forza na recta final da 29.ª edición de Voz Natura


A primavera asíntase e, neste último trimestre deste curso, os centros educativos e asociacións que participan en Voz Natura apuran para rematar as súas iniciativas.

E aí está, en primeira liña, a asociación Xaruma, de Vigo, levando a cabo actividades que conectan ás persoas coa natureza. «Agora estamos con dúas hortas, unha en Chapela e a outra en Teis», di Tamara Casal, educadora ambiental nesa entidade. Un traballo, en efecto, moi educativo xa que os participantes «interveñen de forma activa tanto nas decisións previas como no seu desenvolvemento». Traballan de forma colaborativa con varios colexios de Vigo e o seu obxectivo é manter hortas comunitarias construídas con materiais reciclados utilizando métodos de cultivos ecolóxicos e rexenerativos e fomentando a produción de compost. Ademais, reparten os excedentes do horto entre os veciños do barrio, establecendo lazos para o intercambio, a colaboración e a vida en comunidade. 

Desde o pontevedrés CEIP de Marcón impulsan unha nova horta escolar, e a súa profesora Montserrat Diz especifica que o fan «coa axuda de familias, alumnado e profesorado». O centro constrúe bancales para cada aula —«con bloques de formigón que substitúen ás anteriores madeiras, que co paso do tempo estragábanse»— dentro dun proxecto centrado na sustentabilidade.

No colexio de Marcón bota unha man todo o mundo, e a profesora di que o conserxe do centro é o primeiro en remangarse xa que «desempeña un papel crave na  organización e desenvolvemento das tarefas». 

A horta vai permitir traballar con contidos relacionados co medio ambiente e a alimentación saudable, «e ademais fomentará valores como a cooperación, a responsabilidade e o  respecto pola natureza», en palabras de Montserrat Diz.

Mentres, no coruñés CEIP Portofaro de O Temple, en Cambre, xa o 27 de marzo tanto alumnos como profesores viviron unha xornada intensa ao aire libre con propostas e talleres para celebrar a chegada da primavera, e fixérono dun xeito lúdico. «O alumnado foi rotando polas  distintas propostas, gozando dunha experiencia enriquecedora nun ambiente de convivencia respecto e conexión coa contorna natural», relata Laura Magalhaes.

Cun enfoque que potenciaba a colaboración e favorecía a axuda mutua e a aprendizaxe compartida, neses talleres de benvida á nova estación a profesora de Cambre destaca «iniciativas como debuxando a primavera, lego e robots combinando tecnoloxía e natureza, construíndo a primavera con materiais de reciclaxe e fomentando a creatividade e conciencia ambiental, propostas de ioga e calma centradas na relaxación e benestar, e sementando (o  alumnado participou no coidado dos xardíns do centro e plantación no invernadoiro de diferentes variedades)».

O punto final pono a asociación Xaruma, quen tamén instalaron un invernadoiro, construíron bancales, eliminaron maleza e herbáceas para compostar, plantaron aromáticas e puxeron en pé estruturas para especies trepadoras. Un magnífico exemplo de como se traballa con Voz Natura, a  iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.