CAST | GAL

Vixésima segunda edición (2018-2019)

Máis de 71.000 estudantes coidan a súa contorna este curso con Voz Natura

 

Cando se peche o curso escolar recentemente estreado, nos ecosistemas galegos realizáronse 360 intervencións ecolóxicas de recuperación e protección. Serán tantas como centros educativos -de todos os niveis salvo o universitario- e asociacións participan nesta 22.ª edición. Un ano máis, Voz Natura bate a súa marca de participación con máis de 71.000 nenos e mozos involucrados activamente na protección da natureza, con 3.240 profesores guiando os seus pasos.

Cada curso, os proxectos escolares son máis especializados, rigorosos e amplos. Os equipos Voz Natura saen ao monte para plantar especies autóctonas; van á praia para recoller residuos; percorren as canles dos ríos retirando lixo; patrullan a súa contorna para denunciar ante as autoridades a presenza de vertedoiros incontrolados, e tamén traballan no seu recinto escolar, onde cultivan hortos, crean invernadoiros e aproveitan as actividades de aula para coñecer e aprender a respectar e coidar a natureza.

Este curso, o tema destacado é a protección, recuperación e posta en valor dos montes e bosques galegos, a conservación da súa biodiversidade e a sensibilización social sobre a problemática dos incendios forestais.

O comité científico visita aos equipos para axudarlles cos seus traballos
O comité científico do programa está en ruta desde o pasado luns percorrendo os centros participantes para ofrecerlles o seu apoio e asesoramento. As provincias de Lugo e Ourense están a ser as primeiras en recibir as visitas dos integrantes do comité, que están a ver os primeiros avances nos proxectos deste curso.

No apartado O Reporteiro da web do programa (www.voznatura.es), os participantes poden consultar cales serán os próximos centros polos que pasará o comité. Nesta sección, tamén se pode seguir a evolución dos traballos a través das noticias máis relevantes das visitas realizadas.

Patrocinios
O programa conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación  do Territorio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces e a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica. #FaiGaliciaVerde.