O Muncyt ofrece un paseo pola ciencia aos centros Voz Natura
Un ano máis, e xa van sete, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, impulsora do programa de educación ambiental de La Voz de Galicia, e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía subscribiron un novo acordo, para que os centros participantes na actual edición de Voz Natura poidan realizar visitas guiadas ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña.
O contido da actividade estará adaptado ao nivel de cada grupo con distintos itinerarios, xa que poden participar alumnos de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, guiados polo equipo de divulgadores do museo.
Os visitantes dividiranse en dous grupos dun máximo de 25 persoas. Mentres uns realizan o percorrido polas distintas salas do Muncyt, a outra metade participará nun taller sobre a temática central desta edición de Voz Natura: a preservación e o coidado do monte galego, entendido como fonte de riqueza fundamental e eixo vertebrador da saúde ambiental, social e económica da comunidade. Cada unha das actividades terá unha duración de 45 minutos e ao acabar, os grupos se cambiarán.
Para o deseño destes talleres dedicados ao monte galego, o Muncyt contou nesta edición coa colaboración da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, que elaborou as seguintes actividades:
- Hai un (bosque) galego en Marte: Ed. Infantil e 1° e 2° de primaria. Os alumnos crearán un bosque en Marte, árbores imaxinarias para aprender as súas características.
- Queimando chans: o efecto dos incendios: 3°-6° primaria e 1°-2° ESO. Que sucede nun chan queimado? Por medio de experimentos comprobarán o efecto da combustión na materia orgánica. Que vida queda tras un incendio e cal é a incidencia da erosión.
- A importancia dos bosques: 3°-4° ESO e Bacharelato. Neste taller observarán o ciclo da auga na natureza e o papel tan relevante dos bosques no mesmo, simulando o movemento da auga desde o chan ata a atmosfera a través da vexetación.
- Simulador de incendios (proximamente): ESO e Bacharelato. En equipo, control de distintos parámetros e observación de como inflúen as condicións da contorna na expansión do lume. Saberán apagalo?
O prazo de inscrición xa está aberto
Todos aqueles centros interesados en sumarse ao programa de visitas ao Muncyt poden facelo desde agora a través da propia web do museo, especificando no apartado de observacións do formulario, que participan na actual edición de Voz Natura. Unha vez cuberto, débese enviar por correo electrónico a reservascor@muncyt.es ou por fax ao 916 038 968.
Os escolares terán á súa disposición durante a visita unha sala para xantar, que tamén se poderá reservar en caso necesario. Por outra banda, o Muncyt alberga unha zona para gardar os abrigos e mochilas dos participantes mentres fan o percorrido polas instalacións do museo.