CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

Voz Natura se centra en los ríos

 
Montes, praias e ríos son os ecosistemas preferidos polos centros educativos participantes en Voz Natura para realizar as súas actuacións fóra do recinto escolar. Destes, as canles fluviais das catro provincias aparecen na axenda de numerosos centros con variadas actividades que repercutirán en beneficio de toda a comunidade e darán exemplo ás autoridades locais.

Ao longo deste curso 2011-2012, as patrullas Voz Natura percorrerán os ríos galegos para favorecer o seu saneamento a través de limpezas e retiradas de residuos; estudarán o estado da fauna, da flora e tamén a calidade das augas e repoboarán os bosques de ribeira con especies autótonas.

Proxecto Ríos 
A implicación dos centros Voz Natura na protección dos ríos levou a que algúns sumen os seus esforzos aos doutros colectivos e participen tamén nas actividades de voluntariado ambiental que organiza o Proxecto Ríos co obxectivo de limpar as canles, pero tamén denunciar o seu estado e reivindicar a súa protección.

É o caso do IES San Tome de Freixeiro, de Vigo, ou a asociación Vaipolorío, de Vilaboa. De feito, a última limpeza simultánea organizada polo Proxecto Ríos a principios de mes -na que traballaron 500 persoas de toda Galicia- contou coa participación desta asociación coa que colaboraron alumnos do centro de educación especial Juan XIII, de Pontevedra. O coordinador de Voz Natura en Vaipolorío, Xosé Manuel Feijoo, asegura que «colaboramos sempre nestas limpezas e nesta ocasión retiramos 300 quilos de lixo dun tramo urbano do río Gafos de 1,5 quilómetros aproximadamente».